Correo corporativo VS Correo gratuito

Segues usando correo electrónico de Gmail, Hotmail ou similar para os teus contactos profesionais? Neste post contámosche como e por que deberías ter a túa conta de correo electrónico corporativo, co teu propio dominio. Un “plus” de valor á túa marca por pouco máis de 1€ ao mes.

email-corporativo-email-gratuitoO correo electrónico leva entre nós máis de 50 anos, e tal vez sexa dos sistemas que menos evolucionou ao longo de toda a era “dixital”. Aínda así se mantén a día de hoxe como unha ferramenta esencial das comunicacións a través de internet.

A maioría dos que non somos nativos dixitais, aínda lembramos aqueles anos 90 nos que o máis parecido a unha rede social era o IRC, e podíamos facernos unha conta de correo electrónico de Hotmail co noso “nick” para chatear con noso ligue a través de Messenger.

Tal vez parecese, por aquel entón, que contar cun servizo de correo electrónico corporativo estivese só ao alcance de empresas grandes. O certo é que hoxe en día é accesible a todo o mundo e ademais é un servizo moi económico que merece a pena contratar.

Estamos a falar de crear a túa propia conta de correo electrónico profesional, co nome que ti escollas (a condición de que estea dispoñible), e deixar de lado a terminación de ….@gmail.com ou …@ hotmail.com na túa dirección de correo.

A miúdo vemos exemplos disto en publicidade, vehículos de empresa, mesmo en webs (algo por outra banda incomprensible). É moi habitual atopalo sobre todo en profesionais independentes, como fontaneiros, electricistas, etc…

Por poñerche un exemplo, imaxína que o avogado “Xesús Blanco” entrega a súa tarxeta profesional a un cliente onde figura como dirección de correo xesusblancoabogado@gmail.com. Se contratase un servizo de correo profesional personalizado co seu propio dominio, rexistrando “blancoabogados.com” a súa dirección de correo electrónico podería ser xesus@blancoabogados.com, cal dos dous daríache máis confianza?

Póñoche outro exemplo máis práctico. O Hotel San Xoan xestiona todas as súas comunicacións a través da dirección de correo hotelsanxoan@gmail.com. A través del xestionan as reservas dos seus clientes, manteñen o contacto cos seus provedores e encárganse ademais da xestión de eventos nos seus salóns. Neste caso é aínda máis interesante contar cun dominio propio, de modo que se puidese xestionar cada servizo cunha conta diferente, así poderiamos ter: reservas@hotelsanxoan.com, comercial@hotelsanxoan.com e eventos@hotelsanxoan.com.

Está claro que a primeira impresión xoga un papel moi importante cando falamos da nosa profesión ou dos servizos que ofrecemos. Aínda sen ter páxina web, só o feito de contar cun dominio de correo propio, achega un plus de valor engadido á imaxe da túa empresa. De entrada xera confianza e seguridade no cliente, e o que é máis importante, demostra que detrás diso hai un profesional.

En resumo, que beneficios achega ter a túa propia dirección de correo electrónico?

Imaxe de marca

É sen dúbida o principal beneficio. O teu correo corporativo falará por ti da túa marca en cada correo que envíes, será máis recoñecible e destacará fronte á competencia. Lembremos os exemplos que comentamos antes e poñámonos en situación. Inspira máis confianza unha dirección de correo personalizada, onde alguén se preocupou de buscar e rexistrar un nome de dominio, que unha conta gratuíta que se da de alta en cuestión de segundos, non te parece?

Mellor infraestrutura

Contratar un servizo deste tipo permíteche contar coa posibilidade de crear máis dunha conta de correo co teu dominio, ademais de dispoñer polo xeral, de máis espazo de almacenamento que outros servizos gratuítos. Terás ademais a posibilidade de seguir usando a plataforma de Gmail, se estás afeito a ela, configurando a nova conta como externa, ou calquera software de xestión de correo (Outlook, Thunderbird…) Igualmente, poderás configurar as túas contas no teu dispositivo móbil, ademais de poder acceder aos teus buzóns de correo desde calquera lugar a través dun dispositivo con conexión a internet, empregando webmail.

Seguridade e privacidade

Loxicamente, ao pagar por un servizo, espérase unha mellora evidente en todos os apartados funcionais, pero ademais estaremos a investir na seguridade e privacidade de todas as comunicacións que fagamos a través do noso correo, algo no que un servizo gratuíto non pode competir.

Quero ter o meu correo electrónico profesional, por onde comezo?

1.- Escolle o nome da túa “marca”

O primeiro que deberías facer sería pensar en cal é a marca que che gustaría rexistrar, xa sexa o teu propio nome ou un nome comercial. Cada caso é moi particular, pero unha boa recomendación é que acompañes o teu nome comercial da actividade principal do teu negocio. Se seguimos cos exemplos que comentamos anteriormente, o avogado Xesús Blanco, pode rexistrar blancoabogados.com, e o Hotel San Xoán, pode rexistrar hotelsanxoan.com. Deste xeito, a ollos dun potencial cliente, estamos a definir a nosa actividade con tan só mostrar unha dirección de correo electrónico. Ten en conta tamén, que se nun futuro próximo queres ter a túa propia páxina web, sería boa idea conservar o mesmo nome rexistrado.

2.- Comproba se está dispoñible

O primeiro paso é importante, pero non é definitivo. Se o nome da túa marca é moi común, é probable que alguén xa o rexistrara con anterioridade. Nese caso terás que volver ao primeiro paso e pensar en alternativas. Se blancoavogados.com xa está rexistrado, podes probar con blanco-avogados.com ou blancoavogados.es ou calquera outra extensión de dominio (hoxe en día hai multitude…)

Para comprobar se un nome está dispoñible podes facelo sen gastar un peso en calquera empresa de rexistro de dominios.

Se temos que recomendarvos algunha empresa en concreto, nós sempre tiramos para a terra, e adoitamos traballar con Dinahosting ou Raiola. Ambos ofrecen servizos de aloxamento para correo por pouco máis de 1€ ao mes.

Deixámoste un par de enlaces para que poidas comprobar os seus servizos de primeira man.


Dinahosting: dominios e aloxamento web

Hosting SSD

Tes dúbidas?

Se queres facernos algunha pregunta, ou mesmo queres que xestionemos isto por ti, ponte en contacto connosco!

Deixa un comentario