Sobre o noso blog. Qué vas atopar aquí?

Cando nos decidimos a poñer en marcha o noso blog, tiñamos claro que tería que ser algo diferente ao que se soe ver nestas seccións na gran maioría de empresas do sector do márketing, o deseño ou a publicidade. Neles adoitan abundar artigos con contido moi técnico dirixido a profesionais ou estudantes que buscan estar sempre á última.

Sabemos que pertencemos a un sector moi cambiante, no que o lema “renovarse ou morrer” está á orde do día, e non nos cabe dúbida de que artigos dese estilo son moi necesarios (nós mesmos consumímolos case a diario), pero tamén sabemos que hai unha barreira que impide que moitos profesionais doutros sectores se decaten de que vai isto do márketing dixital, e esta é a nosa oportunidade para lanzar un pouco de luz respecto diso 🙂

A quen vai dirixido este blog?

A ti, que estás a pensar en converterte en emprendedor, que comezas a túa andaina como profesional por conta propia e que sabes que hai algo “a outra beira” pero descoñécelo ou che parece todo moi abstracto.

Á túa empresa ou pequeno negocio, que nunca pasou do anuncio en prensa especializada ou que sempre lle deu vertixe dar o salto ao mundo dixital.

En definitiva, a todo aquel que teña certo interese en saber como pode aproveitar todas as ferramentas que ten á súa disposición pero que por descoñecemento nunca se decidiu a probar.

De que imos falar?

De todo aquilo que forma parte do amplo campo do márketing dixital, explicado para xente do montón, para que poidan facerse unha idea da gran cantidade de recursos que teñen por explotar e para que poidan romper o xeo e empezar a asomarse a este mundo tan interesante como extenso, aínda que sexa timidamente.

O noso propósito é simple, queremos que che pique a curiosidade, despexarche as dúbidas, e axudarche a dar ese pasiño que che falta para botar a andar o teu proxecto.

Estarémosche agardando 🙂

Deixa un comentario